As xornadas

I Xornadas sobre Renda Básica da Coruña

O día 8 de outubro de 2018 aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo Colectivo pola Renda Básica da Coruña no pleno do Concello da Coruña. Esta moción insta ó Concello da Coruña a adoptar as medidas necesarias para fomentar un debate público sobre a Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente. Estas xornadas son o resultado da aprobación desa moción.

O Concello da Coruña e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) organizan estas xornadas en colaboración co Colectivo pola Renda Básica da Coruña, a Universidade da Coruña e Praza Pública, co obxectivo de abrir o debate público e dar a coñecer á cidadanía esta idea tan necesaria para afrontar un futuro incerto.

Que é a Renda Básica?

A renda básica pódese definir coma un ingreso regular que permite levar unha vida digna (suficiente) para cada membro da sociedade (universal) polo simple feito de ter nacido (incondicional) e xestionada por cada quen (individual).

En relación a esta definición cabe precisar:

  • Suficiente: Por riba do limiar da pobreza, para acabar con ela. Non se trata dunha esmola nin dunha prestación insuficiente como as que estamos afeitas/os a ver coa Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). A cantidade ten que ser abonda para permitir vivir con dignidade. A proposta da Red Renta Básica sitúaa por riba do limiar da pobreza (definido como o valor que corresponde ao 60 % da mediana da renda nacional equivalente en unidades de consumo), no entorno de 710 euros no ano 2017.
  • Universal: Para todas as persoas residentes legais no territorio de implantación.
  • Individual: A Renda Básica enténdese como dereito social e humano de carácter individual. Non é para a unidade de convivencia (como a familia) nin para a comunidade da que formas parte (tribo, barrio…). É importante para evitar discriminacións por razóns de sexo, idade (mozas/os ou maiores que residen cos/coas pais/nais-fillos/as), minorías, etc.
  • Incondicional: Para recibila non hai nada que demostrar. A Renda Básica parte da desaparición de subsidios condicionados, nomeadamente as Rendas de Integración, o paro de longa duración, as pensións non contributivas, etc. Hai que aclarar que substitúe a esta prestación sempre que esta sexa inferior; en caso de ser superior, cobraríase a prestación e non a Renda Básica. Por tanto, vaise cobrar sen ningún tipo de condición. Traballes ou non, sexas rica/o ou non, nova/o ou vella/o… (tan só se limita en menores de idade que, na maioría dos modelos de financiamento, cobrarían unha porcentaxe do total).

Cando e onde serán as xornadas?

21, 22 e 23 de marzo de 2019

Xoves 21 e venres 22 de marzo

Centro Cívico Os Mallos
(Avda. de Arteixo 147, Baixo. 15007 A Coruña)

Para chegar en bus: liñas 11, 12A e 14

Sábado 23 de marzo

Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña
(Rúa Mestranza 9. 15001 A Coruña)

Para chegar en bus: liñas 1, 3, 3A, 5, 7 e 17

Organizan

Colaboran